
05 Jun Comercio de proximidade, responsable e sostible
Din es estatísticas que nestes tempos de COVID o comercio de proximidade viuse beneficiado. Varias son as razóns ás que os estudios atribúen esta modificación no comportamento dos e das consumidoras: o feito de vernos máis limitados nos movementos, a necesidade de consumir máis produtos frescos, o peche ou limitación de acceso á restauración, un aumento da conciencia ambiental motivado pola pandemia, a maior permanencia no domicilio por mor do teletraballo, ou incluso dispoñer de máis tempo para realizar a compra (polo propio teletraballo ou por quedar en situación de desemprego).
Diversos estudios vaticinan que desta crise sairá un consumidor máis comprometido coa economía local e que será máis esixente coa calidade dos produtos.
Pero independentemente da crise do coronavirus, antes da súa chegada, xa eran moitas as razóns para realizar as compras no comercio de proximidade:
- Atopamos moitos produtos cultivados (ou producidos) no noso entorno, que non están sometidos a longos procesos que pasan por cámaras frigoríficas e por longas distancias de transporte. Adoitan ser produtos de variedades tradicionais, producidos por pequenos produtores mediante métodos máis amigables co medio ambiente, o que se traduce directamente nunhas mellores características de aroma ou sabor (todas reparamos na asombrosa diferenza entre comer un tomate procedente da agricultura industrial ou un deses outros tan saborosos, producidos no noso entorno).
- Favorecemos a economía local e o emprego, pois permitimos non só a supervivencia das tendas de barrio, senón a existencia das produtoras de proximidade que ofrecen os seus produtos neses comercios, fortalecendo o tecido produtivo do entorno.
- Colaboramos coa fixación de poboación nas zonas rurais, favorecendo a viabilidade de pequenos proxectos de emprendedoras rurais.
- Fornecemos de máis vida ao noso barrio, tecendo un novo mundo de relacións coa veciñanza, camiñamos máis polas nosas rúas, moldeando un entorno máis resiliente.
- Coidamos do medio ambiente, evitando o transporte de produtos procedentes de longas distancias, e facendo moito menos necesarios os nosos propios desprazamentos para efectuar as compras.
En definitiva, os comercios de proximidade subministran mercancías máis sostibles, favorecen a existencia dun consumidor máis responsable e contribúen a crear un entorno máis resiliente e menos dependente.