
15 Jun Consumo de produtos orgánicos e saúde
Moitas consumidoras creen que consumir produtos orgánicos contribúe á mellora, ou a un menor deterioro, medioambiental; ademais, outras moitas persoas consideran que introducir na cestiña da compra produtos ecolóxicos é beneficioso para a súa saúde. Os beneficios que para a saúde proporciona o consumo de alimentos orgánicos, en relación cos convencionais, pode ser aínda motivo de discusión entre investigacións científicas; sen embargo, existen algunhas certezas respaldadas completamente pola ciencia, a favor dos alimentos orgánicos.
Porque consumir alimentos orgánicos
1. Menor cantidade de biocidas (herbicidas e pesticidas) e metais pesados
Como é sabido, a lexislación e os organismos reguladores da produción ecolóxica prohiben o uso de biocidas ou de fertilizantes químicos de síntese (aínda que algúns destes últimos están autorizados). Aínda que os produtos químicos empregados na agricultura industrial ou convencional son considerados seguros nas doses recomendadas, moitos expertos sanitarios poñen en dúbida esa seguridade diante de exposicións repetidas, ou diante do variado cóctel de produtos químicos que inxerimos consumindo produtos convencionais.
2. Máis graxas saudables
Diversos estudios concluíron que produtos orgánicos como o leite ou a carne poder chegar a conter ata un 50% máis do ácido graxo Omega 3, unha saudable graxa insaturada, en comparación cos mesmos produtos obtidos de forma convencional ou industrial.
A maneira na que se crían os animais (vacas, porcos, polos, etc.) nas granxas orgánicas parece estar detrás destas cifras. Estes animais gozan dunha alimentación a base de herba, e pasan moito tempo pacendo ao aire libre.
3. Nin antibióticos nin hormonas sintéticas
É de sobra coñecido como a gandería industrial emprega antibióticos de forma preventiva para evitar que os animais enfermen, feito que permite a súa crianza en penosas e indignas condicións, hacinados e sufrindo condicións sanitarias insalubres. En moitos países, as lexislacións respectivas tamén permiten que os animais sexan inxectados con hormonas de crecemento sintéticas, para medrar máis axiña ou producir máis leite.
Tales prácticas teñen consecuencias na alimentación humana podendo detectarse, por exemplo, trazas de antibióticos nas carnes ou nas leites convencionais, que contribúen ao aumento da resistencia de moitos patóxenos aos antibióticos.
Os produtos orgánicos, que son producidos sen antibióticos, non traen aparellado este problema. Os animais criados nas granxas orgánicas están protexidos pola normativa, a cal impide subministrarlles antibióticos na alimentación, ou seren tratados con hormonas, ademais de obrigar a mantelos nunhas ratios dignas de superficies.
4. Máis antioxidantes
Moitos estudios demostran como algúns alimentos orgánicos conteñen porcentaxes máis altas de antioxidantes, o cal está relacionado coas condicións de cultivo empregadas na agricultura orgánica.
Finalmente, os estudios sinalan que o consumo de alimentos orgánicos aporta aínda un maior beneficio para saúde das persoas máis vulnerables: mulleres preñadas, nenos e nenas, persoas maiores e persoas alérxicas.