
01 Jul Mercar a granel no Mercado da Terra
Por que mercar a granel? A compra de graneis, que paseniñamente parece incrementarse nos hábitos de consumo, supón unha serie de consecuencias beneficiosas.
Unha maneira de reducir plásticos
Os plásticos, como ben sabemos, están comezando a estar presentes incluso no noso torrente sanguíneo, ademais de provocar xa dende fai moitos anos sufrimentos e danos irreparables á fauna silvestre e aos ecosistemas. Diversos tipos de envases e embalaxes (bolsas de plásticos diversos, tetrabriks, bandexas de poliestireno, botellas PET) enchen xa mar e terra por todo o planeta, chegando a falarse incluso de varias “illas de plástico” presentes nos océanos, algunha das cales chega a ter unha superficie de 1,6 millóns de quilómetros cadrados.
Unha das máis graves consecuencias do ciscado de plásticos no medio ambiente é a aparición de diminutas partículas de plástico na auga nos océanos, que rematan formando parte da dieta de moluscos, peixes e todo tipo de animais mariños e, por extensión, na nosa propia dieta.
Xestión de recursos
Cómpre destacar a redución das necesidades de enerxía empregadas tanto na reciclaxe de residuos como na produción de plásticos, coa conseguinte diminución da pegada de carbono.
Por outra banda, existe unha menor dilapidación de alimentos. A compra a granel permítenos adquirir a cantidade xusta necesaria, deste xeito, temos que desbotar menos alimentos, consumimos produtos máis frescos e, reducimos a caducidade de produtos na nosa despensa, e tamén, obtemos un aforro económico.
Se mercamos a granel contribuímos ao desenvolvemento da produción agrícola e do comercio de proximidade: os produtos a granel adoitan proceder de zonas de produción de proximidade.
No Mercado da Terra dispoñemos dun ampla oferta de produtos ecolóxicos a granel. Para levalos podes traer a túa propia bolsa reutilizable, ou tamén tes a posibilidade de dispoñer de envases en embalaxes que nós mesmos reciclamos (tarros de vidro, caixas de cartón, bolsas de tecido, etc.).