produto-fresco-mercado-da-terra

O valor das variedades tradicionais de tomate

As variedades tradicionais de tomate responden a unhas destacadas características de sabor, aroma e textura. Por esta razón, son cada vez máis as consumidoras que amosan interese por variedades tales como Negro de Santiago, Avoa de Osedo, de José Luís, etc.

A importancia da conservación das variedades tradicionais está relacionada, entre outras, con ideas como:

  • Conservación da biodiversidade.
  • A súa mellor adaptación ao medio, que as a fai máis resistentes ás condicións climáticas e ás enfermidades.
  • As propiedades organolépticas.
  • Servir de reserva xenética para o desenvolvemento de variedades comerciais.
  • Interese gastronómico.

O rico patrimonio xenético tradicional galego ven determinado pola transmisión de pais a fillos, e o intercambio entre agricultores dentro e fóra das redes de sementes. Sementes adaptadas ás condicións locais, que producen una enorme variedade de formas, cores, aromas e texturas; isto enfróntase ás plantas de variedades comerciais, xeneticamente uniformes, seleccionadas fundamentalmente pola súa produtividade e resistencia ás cámaras frigoríficas e ao transporte, en detrimento das propiedades organolépticas.

Variedades de tomates galegas

Se dexamos ilustrarnos sobre as distintas variedades de cultivares tradicionais que podemos atopar en Galicia, cunha detallada información sobre as súas características, podemos acudir a unha guía publicada polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM).

O CIAM establece un conxunto de características para diferenciar entre variedades; concretamente, en relación co sabor, son a acidez e o contido de azucres os factores determinantes. Unha elevada maduración na planta, un certo grao de estrés hídrico e unha pel fina e delicada contribúen a dotar aos froitos dun sabor inigualable.