
01 Sep Agricultura orgánica e cambio climático
As prácticas de cultivo e manexo do solo empregadas na agricultura ecolóxica contribúen dunha maneira clara a mitigar o cambio climático. Así poden axudar a que os propios agricultores se adapten ás cambiantes condicións climáticas. Polo tanto existen outros motivos, ademais de evitar o uso de pesticidas ou os organismos xeneticamente modificados, para decantarse polos produtos orgánicos.
Mellor manexo do solo
Os agricultores orgánicos adoitan empregar técnicas como a fertilización con materia orgánica ou o uso de coberturas verdes (avea, nabos, ervellaca, etc). Estas prácticas axudan a minimizar a perda de nutrintes e auga, e converte os solos en máis resistentes as inundacións ou as secas.
Isto é importante tendo en conta que as previsións das consecuencias do cambio climático inclúen choivas máis abundantes ou secas máis longas, e unha maior degradación do chan.

Menos emisións de gases de efecto invernadoiro
A agricultura orgánica pode axudar a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro. Mentes que na agricultura orgánica os solos son fertilizados con materia orgánica, na agricultura convencional emprégase unha grande cantidade de fertilizantes nitroxenados de síntese, que son responsables das emisións de óxido nitroso. Estas emisións de óxido nitroso representan segundo algunhas estatísticas case o 40% das emisións agrícolas da UE. Isto é importante porque o impacto dun quilo de óxido nitroso sobre o quecemento da atmosfera é, aproximadamente, 300 veces máis grande que o impacto dun quilo de dióxido de carbono.
A agricultura orgánica non permite empregar fertilizantes nitroxenados sintéticos, orientándose a establecer ciclos pechados de nutrintes, polo que os niveis de nitróxeno nas granxas orgánicas tenden a ser máis baixos que nas granxas convencionais.
Menor consumo enerxético
Para producir a grande cantidade de fertilizantes e pesticidas sintéticos empregados na agricultura convencional consúmense elevadas cantidades de enerxía.
A agricultura orgánica, ao non empregar fertilizantes sintéticos, reduce o consumo de enerxía entre un 30 e un 70% por hectárea. Por outra banda, por fornecerse de insumos internos, aforra tamén o combustible do transporte.