Benestar animal e consumo de carne

Vas deixar pasar o inverno sen preparar o mellor cocido do mundo cos produtos do Mercado da Terra?

No Mercado da Terra comercializamos carne salgada e embutidos de Aldea de Barrio, para que non sintas reparo en preparar o noso tradicional e delicioso cocido. Son un exemplo de proxecto saudable, ético e sostible. Por que?

Unha proposta saudable

Saudables si, porque os produtos proceden de animais criados en liberdade e alimentados sen transxénicos, case exclusivamente con pastos naturais, e sen uso de antibióticos.

Existen xa moitos estudios que indican que os produtos cárnicos da gandería intensiva conteñen máis graxa que proteína. Un estudo científico no Reino Unido en 2005, levado a cabo polo  Institute  of  Brain  Chemistry  and  Human  Nutrition  at  London  Metropolitan  University, concluíu  que un polo de supermercado típico hoxe en día contén case tres veces máis proporción de graxa que un polo típico en 1970, e un terzo menos de proteínas. O estudo tamén atopou que os polos de carne ‘modernos’ conteñen como moito un quinto do  DHA (outro dos ácidos graxos Omega-3) que se atopa nos polos en liberdade. É probable que estes cambios teñan que ver co modelo de gandería industrial, que imposibilita a actividade física dos animais, ademais de sometelos a unha alimentación baseada nas proteínas.

Tamén é coñecido o uso abusivo de antibióticos na gandería industrial, coa finalidade de acelerar o engorde dos animais e como medida preventiva para impedir que cheguen a enfermar. Este emprego desmesurado de antibióticos está a provocar a aparición de bacterias moi resistentes, o que supón unha ameaza para o ser humano. En relación con isto, a Organización Mundial da saúde solicitou xa en 2017, aos estados, a prohibición de antibióticos destinados ao crecemento de animais sans, polo risco que representan para a saúde humana.

Sobre o benestar animal

Foto: Facebook.com/AldeaDeBarrioSL

Éticas? Claro, porque desde o noso punto de vista o benestar animal é moi importante. Segundo a Organización Internacional de Benestar Animal (OIE), o benestar animal defínese do seguinte xeito:

  • Vivir libre de  fame, de sede e de desnutrición.
  • Vivir libre de temor e de angustia.
  • Vivir libre de molestias físicas e térmicas.
  • Vivir libre de dor, de lesión e de enfermidade.
  • Vivir libre de manifestar un comportamento natural.

Nos grandes complexos gandeiros industriais, cada vez máis xigantescos, prima a produción por riba do benestar, polo que é case imposible que os animais poidan gozar dos requisitos descritos como necesarios para o seu benestar. Ademais, tal como se ven denunciando de vez en cando nos medios de comunicación, as grandes empresas gandeiras empregan a mercadotecnia e o escurantismo para agochar unha realidade que, de ser desvelada, causaría probablemente un severo rexeitamentos por parte de quen consume os seus produtos.

Compartimos con vós algúns exemplos:

Exemplo de sostibilidade

A alimentación dos animais está baseada no aproveitamento dos recursos naturais (pasto, cereais, castañas, e landras) do lugar no que se crían, procurando ter que adquirir insumos externos na menor medida posible.

Sabemos que o consumo de carne afecta á crise climática que xa estamos a experimentar. Segundo a FAO, as emisións do sector gandeiro supoñen o 14,5% das emisións globais de gases de efecto invernadoiro, sendo o sector gandeiro industrial o principal responsable de que a gandería emita tantos gases de efecto invernadoiro como todo o transporte mundial. A isto habería que engadir a perda de biodiversidade pola deforestación de selvas virxes provocada polo cultivo, por exemplo, de soia para alimento animal.

A resposta é fomentar o consumo de menos e mellor carne, de orixe orgánica, de animais alimentados con pastos e ao aire libre, conseguindo así que o círculo  vicioso vire en sentido inverso cara a un sistema alimentario máis humano e sostible.

E non debemos esquecernos, falando de sostiblidade, de que os produtores comprometidos, como é o caso de Aldea de Barrio, contribúen a converter en realidade os obxectivos de desenvolvemento sostible da Axenda 2030, cuxas liñas básicas poden resumirse neste discurso do secretario xeral da ONU, de decembro de 2014:

“Debemos adoptar con decisión as primeiras medidas que nos encamiñen cara a un futuro sostible, con dignidade para todos. O noso obxectivo é a transformación. Debemos transformar as nosas economías, o medio ambiente e as nosas sociedades. Debemos cambiar a nosa forma de pensar, a nosa conduta e os nosos hábitos destrutivos. Debemos apoiar a integración de certos elementos esenciais: a dignidade, as persoas, a prosperidade, o planeta, a xustiza e as alianzas.”

Nin que dicir ten, porque a boca non minte, que a alimentación dos animais redunda na obtención duns produtos deliciosos, tanto pola textura coma polo exquisito sabor. E tampouco nos engana o corazón, cando sentimos que neste acto de consumo contribuímos á dignidade animal e a sostiblidade do noso planeta.