
20 May Mimar as abellas é coidar de nós mesmos
O día 20 de maio de 2021 é o Día Mundial das Abellas. Cando falamos destes benéficos e laboriosos insectos, sen dúbida, pensamos no rico mel que producen. Mel, ese doce alimento con tantas aplicacións culinarias, con propiedades nutritivas e nutracéuticas. Dende o Mercado da Terra queremos achegarvos un pouco máis as abellas, fundamentais no noso medio natural.
As abellas, ademais de fabricar mel e outros produtos apícolas (cera, própole, xelea real, veleno de abella, pole…) son uns seres que nos fascinan e que están presentes na historia da humanidade dende hai moito tempo. O seu proceso coevolutivo coas plantas con flores é clave para os ecosistemas como os coñecemos hoxe en día, coas consecuencias directas sobre a alimentación humana. Ademais comprenden un dos grupos de insectos verdadeiramente sociais (eusociais). Moitos autores consideran un superorganismo a cada colmea, xa que consisten nunha soa unidade xenética, con individuas especializadas para certas tarefas. Mesmo se equiparan ás capacidades dos mamíferos en termos de regulación da temperatura e de producir un alimento completo, análogo do leite materno nos mamíferos, como é a xelea real.
A presión sobre o medio natural ten pasado factura ás abellas, así como a outros polinizadores de importancia. A presenza de colmeas silvestres é anecdótica, dependendo a súa supervivencia da súa relación coas persoas. A transformación dos hábitats por razóns diversas como a gandaría, a explotación forestal, a introdución de novas especies como a vespa velutina ou o escaravello da colmea e a contaminación por insecticidas son as principais causas da súa desaparición. O denominado síndrome do colapso das colmeas (colony collapse disorder), consiste en que as abellas obreiras desaparecen, deixando a colmea baleira e sen posibilidade de recuperarse. A causa deste problema parece ter varias fontes e súmase aos problemas que xa tiña esta especie.
Das nosas abellas, o mel
O mel é o principal produto apícola, recoñecido e valorado. Provén do néctar das flores principalmente, aínda que en ocasións as abellas empregan outros produtos azucrados de orixe vexetal. As diferentes fontes de néctar dan lugar a meles diferentes por iso podemos atopar variedades significativas nos valores nutricionais e nas propiedades segundo o tipo de mel.
O mel como alimento destaca por ter unha variedade de azucres parcialmente disoltos en auga. Isto resulta nun maior poder adozante que o azucre e por tanto é menor a cantidade de calorías necesarias para dar un sabor doce. Ademais, aparecen cantidades variables de proteínas (pole e enzimas do procesado do néctar), minerais (calcio, ferro, magnesio, fósforo…) e vitaminas dos grupos B e C. Ademais de rico nestes elementos nutricionais, evita o consumo de “calorías baleiras” como acontece con alimentos refinados.
O que outorga ao mel o seu valor e características como a cor e o olor son os diferentes compostos volátiles que proveñen do néctar. Estes van vir determinados pola flora melífera local e a floración, que varían anualmente. Estas substancias volátiles son as que poden darlle ao mel as súas propiedades antimicrobianas, antioxidantes o incluso relaxantes. Os meles monoflorais (que maioritariamente proveñen dun tipo de flor) terán menor variedade de compostos e maior cantidade dos que proveñen da flor en cuestión, podendo potenciar unha propiedade en concreto.
Por desgraza, o mel pode ser adulterado, principalmente engadindo azucres procedentes doutras fontes e/ou auga. O uso de calor para a súa extracción pode danar os azucres naturalmente presentes e facer que perda gran parte dos volátiles. O mel, que provén da importación ou de grandes empresas do sector pode ver diminuída a súa calidade a través destes procesos. O baixo control na calidade dos produtos importados ten consecuencias como a contaminación por metais pesados ou antibióticos empregados para tratar as abellas, como xa ten acontecido. China é o principal exportador de mel a España con grande impacto no mercado.
Mel Das Nosas Abellas
No Mercado da Terra comercializamos o mel Das Nosas Abellas, unha pequena empresa familiar, que nace da unión de dúas persoas namoradas da apicultura e da natureza, David e Estefanía, nados en Quiroga e Ferrol, respectivamente. Dende o inicio a filosofía destas produtoras foi a de traballar dun xeito respectuoso co medio, obtendo meles exclusivamente de produción propia, para deste xeito ter o control do proceso en todo momento, garantindo a calidade do produto final. Unha evidencia desta calidade é o premio obtido no ano 2020 como segundo mellor mel multifloral da Península Ibérica.
Das Nosas Abellas mantén os apiarios nas dúas localidades natais dos produtores, o que lles permite ofrecer ás persoas consumidoras distintas variedades de mel de costa e montaña (multiflorais, monoflorais), e algúns meles especiais como o mel con própole (tamén de produción propia ) ou meles especiados (como xenxibre e limón, e canela).
Unha das premisas adoptadas por este proxecto apícola e a aposta pola transparencia, polo que animan ás persoas amantes do mel a visitar os seus apiarios; tamén existe a posibilidade de apadriñar colmeas conseguindo, deste xeito, que a xente poida formar parte do seu proxecto e coñeza de onde sae o seu mel, como é a vida das abellas e, dalgún xeito, facer que formen parte de todo o proceso.
Para rematar, insistir en que é preciso recapacitar, unha vez máis, sobre o que nos aportan as abellas, a interdependencia que temos con elas e como mellorar a nosa relación. Mimar ás abellas é coidar de nós mesmos.