
18 Jun Quen garante a calidade dos produtos ecolóxicos? que significan os selos e etiquetas?
Cando nos orientamos cara a unha alimentación máis consciente e responsable, é habitual que vexamos certos selos e garantías nos produtos que mercamos. Pero non sempre sabemos que significan, ou si?
Para comezar, dicir como curiosidade que os todos concellos teñen competencia sobre o control en alimentos e bebidas, segundo se indica na lei de bases de réxime local. Se ben non é habitual que se empregue esta competencia a miúdo, ou con certo alcance, podería servir de base para que os propios concellos garantisen a calidade dos produtos feitos no seu termo municipal.
A nivel europeo, foi a Unión Europea a que promulgou a primeira normativa para a produción e etiquetado dos produtos ecolóxicos, adoptándose oficialmente o seguinte logotipo.

Este logotipo ofrece aos consumidores garantías de que a orixe e a calidade dos alimentos e bebidas satisfai os requisitos establecidos no Regulamento de agricultura ecolóxica da UE. A vantaxe de utilizar este símbolo é que as persoas consumidoras de calquera estado membro poderán recoñecer con facilidade a orixe ecolóxica dos produtos, con independencia seu do lugar de procedencia.
A normativa sobre produción ecolóxica afecta tanto a entidades públicas como a empresas privadas. Algunhas autonomías do Estado optaron por crear consellos e comités de carácter público que certifican os produtos ecolóxicos elaborados nos seus territorios de competencia. Por exemplo, en Galicia creouse o Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA), que é o órgano encargado do control e certificación das produccións ecolóxicas en Galicia. O CRAEGA, localizado físicamente en Monforte de Lemos, ten unha páxina web onde se pode atopar diversa información sobre produción ecolóxica, normativa, tramitación do proceso de certificación ou procura de operadores certificados.

Por outra banda, existen tamén entidades privadas de certificación agroalimentaria, como é o caso da empresa SOHISCERT (Sociedad Hispana de Certificación S.A), que certifican a conformidade dos produtos coa regulamentación e normativa ecolóxicas. O selo de SOHISCERT pode verse, por exemplo, en moitos produtos do noso provedor Rincón del Segura.

Estas entidades privadas realizan unha certificación de conformidade sobre os produtos tras realizar unha serie de auditorías avaliadoras, e están amparadas pola Entidade Nacional de Acreditación. Dependendo do tipo de produto a certificar valoran diferentes parámetros como poden ser a localización das parcelas, a orixe e tipos de insumos, toma de mostras ou uso exclusivo de maquinaria para a agricultura ecolóxica. Dos cuestionarios que amosa SHC na súa web para cada categoría podemos facernos unha idea dos seus criterios e tamén se poden consultar os criterios técnicos do CRAEGA como exemplos.
PRODUTOS ECOLÓXICOS SI, PERO
Estes selos establecen unha serie de garantías claras e contrastadas. Porén, debemos ter en conta que a certificación limítase aos parámetros técnicos establecidos, predominando os referidos á contaminación. Outros criterios hoxe en dia fundamentais, como poden ser a conservación da biodiversidade ou o benestar animal, quedan nun segundo plano ou ao marxe.
Evidentemente, este formato de selos facilita a industrialización do sector agroecolóxico. A niveis da agroindustria, o impacto no medio (derivado da sobrexplotación ou do monocultivo) e a explotación da man de obra poden estar presentes, aínda que posúan estas certificacións. Outras características atribuíbles aos produtos ecolóxicos, como son unha maior calidade organoléptica ou mellores propiedades nutricionais, en comparación cos da agricultura convencional, poden verse relegadas en prol da produtividade e da rendibilidade, cando estes produtos proceden da agroindustria. Asistimos nestes tempos ao aumento da presenza dos produtos ecolóxicos en grandes superficies e baixo grandes marcas; isto, que non é negativo de por si, relega moitos dos valores do consumo responsable a un segundo plano.
En consecuencia, non debemos esquecer as garantías propias dos produtos e do comercio local. A confianza persoal e a observación pormenorizada que se pode conseguir ao coñecer pequenas e medianas produtoras locais é a maior garantía que pode existir. Visitar os proxectos e coñecer ás persoas vainos garantir que a súa metodoloxía está en harmonía co que pretendemos da nosa alimentación e da nosa relación co ambiente. Ademais aumentan os valores engadidos, como son a calidade do emprego xerado, o fortalecemento do tecido económico local e a obtención de alimentos de fontes próximas, aumentando a soberanía alimentaria das persoas e territorios, evitando os alimentos procedentes de distancias mil quilométricas.
Derivada desta opción de consumo, existe unha posibilidade de certificación comunitaria coñecida como Sistemas de Garantía Participativa (SPG), onde unha serie de persoas e entidades garanten a un ou varios produtores. Como a organización deste tipo de selos é autónoma, cada un establece os os seus propios criterios de calidade ou técnicos, o establecemento de auditorías ou non, ou cantas se fan. Por tanto os SPG comprenden un mecanismo de confianza coherente con canles curtas de comercialización. Os exemplos máis representativos na península déronse en Andalucía: BioCastril, EcoValle, El Encinar de Granada e Federación Andaluza de Consumidores y Productores Ecológicos.
Finalmente, mencionar que existen outro tipo de categorías en canto ás etiquetas como as Denominacións de Orixe (DO), ou as Indicacións Xeográficas Protexidas (IXP). Podemos mencionar, por exemplo, a IXP Pemento do Couto na nosa comarca, ou a IXP Grelo de Galicia. Tamén aqueles que se refiren ao comercio xusto como Fairtrade International, de grande importancia cando mercamos produtos de fora de Europa tales como os derivados do cacao ou o café. Cada unha destas etiquetas leva consigo outro tipo de características que tamén deberíamos coñecer. Quizais nun próximo artigo.
Saúde e vida!